Bosco Caride

A paisaxe modulada de Bosco Caride
Carlos L. Bernárdez

Volve a obra do pintor Bosco Caride (Vigo 1963) á Galería PM8 de Vigo onde se puido contemplar hai tres anos. A nova mostra do seu labor, so o título de Refuxios, poderá visitarse até o 23 de novembro.

As paixases urbanas seguen a ser dominantes no traballo do artista –con edificios recoñecíbeis da cidade de Vigo- mais agora a cuadrícula e a pauta modular, que xa estaban presentes na súa obra anterior, xogan un papel máis importante, conformando uns diálogos visuais cheos de suxestións. Liñas e planos establecen un nítido referente xeométrico, tendendo á depuración. Estamos pois, perante cadros que acontecen como unha cadea con sólidos elos que forman unha sucesión coherente e modulada. Son pinturas dominadas por unha naturaldade lóxica e nelas o pintor ensaia, muda os recursos, mais as obras sempre teñen en común unha razón sólida, un autodominio, sen degradalas ninguna influencia superficial.

A pintura de Bosco Caride é marcadamente analítica e partindo dos temas urbanos consegue consolidar a orde das súas pinturas. Estabiliza o cadro empregando a liña para expresar o volumen, evitando a análise impresionista e o decorativismo. Para conseguilo resalta o espazo e o volumen como algo estábel, e isto permite que a ollada sobre a paisaxe urbana, coa que sente unha identificación natural, sexa quen de ver o duradeiro en si mesmo e nas cousas, a regularidade natural.

O que se procura é a consolidación da pintura, explicando o medio natural e a representación, ordenando a natureza sen reducila porque Bosco Caride é un pintor que salienta pola súa delicadeza racional. A paisaxe urbana e a natureza non son sometidas a unha lectura esteticista e mol senón que son fonte de pintura sólidamente construída sen concesións emotivas.

O artista experimenta co referente urbano de xeito directo, con teimuda constancia, facendo da súa pintura non só unha técnica senón, e sobre todo, unha experiencia. Edificios e paixase non aparecen unidos por un sentimentalismo literario senón que agroman uns elementos cabo dos outros, con forma apracíbel, en equilibrio na composición, con algo de captación orientalizante na maneira de tratar as formas vexetais ligadas á xeometría dos edificios. Nestas aproximacións hai unha vontade de aprehender a esencia orgánica nun ámbito totalmente mediatizado pola intervención humana. A homoxenización e o local son dous termos complementares como eixos de reflexión do artista. Presenta os espazos sen seres humanos, mais a realidade natural delata até o extremo a pegada humana, de xeito que o espazo representado di tanto ou máis da nosa actuación, do noso posicionamento, como a nosa representación física. En concreto, nestas obras a ausencia da representación humana está reforzada por localizacións –concretas e ao tempo universais- que nos falan de hábitos e costumes de quen as habita, velaí o contraste entre os edificios e a vexetacón, que xorden en oposición equilibrada, ambas como creacións humanas.

De todos os xeitos, Bosco Caride non parte dunha construcción e apropiación do espazo cunha finalidade manifestamente sociolóxica, arqueolóxica ou polítca, senón que, con toda intencionalidade, se limita a “representar”; o que acontece é que a obra permite a reflexión sobre aspectos do presente. Como moita arte actual, a finalidade é máais examinar que propor, deixando a reflexión fonda ao espectador. O propio artista o afirma claramente cando di que “non se trata de ningún exercicio de denuncia senón de que outra forma de presentar perante o espectador as formas de vida que construimos ao redor noso”.

Módulo e repetición.

Bosco Caride conecta, pois, cunha longa tradición pictórica, e como moitos artistas do pasado utiliza estratexias como a reproducción da paisaxe ou a mudanza de escala –en base a planimetría fotográfica- nun intento de achegamento singular a unha realidade concreta. Na arte do pasado, no clasicismo, estas aproximacións servían para unha procura do absoluto, de xeito que o realmente existente era empregado como unha escusa para a construcción do ideal. Nas paisaxes urbanas de Bosco Caride a perspectiva é oposta, pois pretende captar un pequeño aspecto da realidade, por medio dun ollar dirixido e pormenorizado. Neste sentido a propia e evidente frialdade descritiva pode ser entendida como unha toma de posición.

Formalmente as obras se Bosco Caride están baseadas no uso de ritmos repetitivos. Trátase de trazos e estructuras abstractas que se combinan e medran para dar forma a paisaxes e elementos común fácilmente recoñecíbeis. Estas estructuras manteñen un ausado ritmo modular, o que supón unha evolución tendente á esencialización de comparármolas coas obras presentadas nesta mesma sala hai tres anos.

O resultado cumpre o obsectivo fixado polo artista que afirma pretender “crear unha paisaxe urbana universal partindo dunha realidade concreta e propor unha reflexión sobre a vida e mais a contorna que estamos creando”.