Bosco Caride

David Barro
Mónica Maneiro

Nado en Vigo en 1963 e licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, Bosco Caride pertence a ese grupo de artistas que malia compartir xeración con moitos representantes de Atlántica, chegaba un pouco tarde para participar nas actividades xeradas por un movemento que, máis ca tal, foi talvez o resultado da provocación á acción de moitos artistas galegos que non vían na falta de espazos expositivos e de plataformas para a exhibición de arte outra cousa ca unha oportunidade para provocar unha acción artística que lles posibilitase o recoñecemento público. En 1986 forma parte dunha exposición, «Novíssimos», que foi un intento por parte das autoridades culturais do momento de perpetuar algo así como o nacemento do entendido como a contempora-neidade para a arte en Galicia. Se a xeración de Atlántica supuxera xa unha ruptura que permitía exercer unha variación sobre as temáticas relacionadas ata o momento co que se entendía como idiosincrasia galega, «Novíssimos» considerouse como unha mostra institucional. Organizada desde a concellaría de Cultura no Concello de Ferrol, foi pensada como unha exposición que tentaba axudar os novos artistas daquela a cobrar unha voz que os espazos de exhibición non parecían ter a posibilidade de dar. Propoñíase desde os presupostos da liberdade creativa e nela presentábase obra de artistas que aínda non puideran realizar os seus estudos de Belas Artes no territorio galego, que procedían das escolas de artes e oficios ou que eran simplemente autodidactas. Era unha exposición con vocación itinerante, pensada para servir de plataforma á nova arte galega, procurando talvez que o recoñecemento das creacións feitas en Galicia servise para perpetuar un estado de modernidade que puidese colocar a comunidade autónoma no mapa da cultura de vangarda dentro do Estado español. O éxito da exposición fai que en 2003 se realice outra edición do evento, desta vez co apoio de institucións coma o macuf, o cgac ou a Fundación Caixa Galicia. Nesta segunda mostra presentada co nome de «Foron Novíssimos», pretendíase recuperar aqueles artistas que poucos anos antes formaran parte desa outra mostra paradigmática. Queríase dalgún modo analizar o decorrer do seu traballo artístico nese breve lapso de tempo e, como non, tentábase fomentar a creación dunha nova etiqueta baixo a que amparar un grupo de nomes que naqueles momentos representaban o futuro da arte en Galicia.

No prólogo de Patricia Vargas Fernández, comisaria con Bernardo Castelo daquela primeira edición, para o catálogo da exposición «Foron Novíssimos», faise referencia a varias cuestións que resultan claramente indicativas de cal era a situación do panorama artístico na comunidade daquela. Dunha banda, falábase da presenza dunha arte das que foron chamadas «Novas tecnoloxías» e así escribía: «Pintura, escultura, fotografía, gravado ou vídeo teñen, xunto co avance tecnolóxico, un claro compoñente no desenvolvemento das Artes Plásticas presente en 'Novíssimos'. Os novos sistemas electrónicos amosan as súas potencialidades para producir e manipular as imaxes, o que supón unha auténtica revolución nas posibilidades tanto da linguaxe artística como da expresiva».

Outro dos problemas que propón Patricia Vargas no catálogo de «Foron Novíssimos» é a cuestión da posmodernidade e da situación periférica de Galicia en relación cos grandes centros de arte internacionais. Dicía a este respecto: «E así nos anos noventa consolídase unha ‘linguaxe artística contemporánea’ como unha linguaxe internacional posmoderna da Arte, que domina o panorama internacional. […] Pero por outro lado, prodúcese unha nova atracción dos centros cara ás periferias, o que permite unha maior circulación e ‘lexitimación da Arte das periferias’, dándonos unha visión de pluralidade e das individualidades do panorama da plástica mundial, do momento no que se funde o desexo da xuntar tradición e modernidade, de defender unha identidade estética sen fron-teiras».

É dicir, estábase entendendo a necesidade, dunha banda, de provocar a mobilidade para a arte galega, pechada durante moito tempo en si mesma, agás raras excepcións; e doutra, de atender un novo modelo artístico que non foi outro ca o de Bienal, que hoxe en día comeza a amosarse caduco, e tómase conciencia da noción de periferia respecto dun sistema estatal que desvencella todo aquilo que estea lonxe da capital dos circuítos de proxección institucional da arte contemporánea. Á vez, a noción da posmodernidade, que evidentemente estaba xa bastante trillada nos anos noventa, aparece, deixando claro que os discursos críticos sobre a arte que marcaron toda a literatura da crítica e da historia da arte nos últimos corenta anos, chegaban a Galicia con moito atraso.

Dentro deste panorama é onde podemos encadrar as primeiras obras de Bosco Caride. Participante destacado de «Novíssimos» e da súa secuela, as súas seguintes exposicións realizáronse ao amparo das Bienais de Pontevedra, das pri-meiras mostras de pintura Unión Fenosa e das exposicións na Galería adhoc.

Como citaba Alberto González Alegre no seu artigo «A imaxe pintura», a propósito da mostra na Galería adhoc en 1991: «adquiriu notoriedade na Bienal de Pontevedra cun cadro de gran formato que revelaba unha madurez impropia das primeiras aparicións públicas dun artista. O cadro, moi semellante á serie que agora mostra, revelaba a vontade do autor de iniciar unha liña de investigación propiamente pictórica que, desde supostos abstractos, sintetizase parte dos valores e sobre todo da efectividade da imaxe pintada».

A pintura de Bosco Caride, pretendidamente abstracta nos seus comezos, non deixaba, iso si, de perfilarse como algo próximo á figuración. Nesas primeiras pezas, cargadas de materia e construídas a través do desvelamento progresivo do que hai debaixo, Bosco Caride amosaba xa unha tendencia clara á procura do elemento sistematizador, á presencia de algo así coma un módulo, que dalgunha forma non deixaba que a súa pintura se desvinculase totalmente da figuración. Unha retícula esvaecida pero imperante que xogaba a determinar que aquilo tomaba camiño doutra cousa.

No catálogo de «Recuerdos de mi ciudad », exposición realizada en 2006 en Ourense, Ignacio Pérez Jofre dicía: «É interesante comparar estas pezas con outras pertencentes a series anteriores; porque xa desde o principio hai unha grande presencia do ritmo no traballo de Bosco Caride. Nos seus primeiros traballos, de tratamento matérico, cálido e xestual, formas vagamente abstractas organízanse en secuencias verticais, nunha suxestión de movemento de raíz cinematográfica; ou compoñen estruturas ortogonais, cunha evidente asociación arquitectónica».

É este traballo do ritmo realizado nas súas primeiras obras desde o control da materia, onde o artista exercita as súas capacidades para trazar despois eses grandes cadros figurativos nos que a repetición de elementos é material básico da composición. Os seus primeiros cadros parecen deixar ver unha especie de retícula exipcia sobre a que co paso dos anos iría colocar as súas pinturas de realidade circundante.

A súa participación en tres grandes mostras colectivas deixa constancia clara da dirección do traballo de Bosco Caride nos últimos anos. «Pintura mutante» no marco de Vigo en 2006, «PAPERBACK» no mesmo museo ao ano seguinte e «Teleprompter» no Centro Torrente Ballester de Ferrol no ano 2009 son significativas da vitalidade do seu traballo.

Ese elemento repetido, ese módulo constantemente presente no traballo de Bosco, comeza a insinuarse como elemento para configurar o que será o gran tema da súa pintura nos últimos anos: o espazo vivido, o espazo habitado e a desfiguración e conformación dese mesmo espazo por parte do ser humano. O espazo urbano é dalgún modo presentado polo artista como a mostra dunha serie de experiencias vitais. O seu modo de encadrar a ollada sobre o que o rodea e que dá como resultado a súa pintura, garda relación clara co enfoque fotográfico. A súa pintura é, de feito, realizada a partir da fotografía como medio de captación da realidade. Dicía Ignacio Pérez Jofre no catálogo de «Recuerdos de mi ciudad»: «Pero non podemos esquecer que estas pinturas proveñen da realidade, da experiencia cotiá; parten de fotografías tomadas , estas formas rítmicas? De consumo, de vivenda, de lecer... Mais estas realidades cotiás, como se amosan? Vexo por todas partes enreixados, reixas, valos; e vexo tamén acumulacións, sobreabundancia de víveres e mecanismos».

A esfera do real, do percibido e rexistrado por medio dos sentidos, constrúese no traballo de Bosco dunha maneira singular. Esta singularidade vén marcada pola presenza de características claras en tales representacións. Xa falamos do ritmo, da repetición de elementos e da base fotográfica, pero aínda hai máis cousas. Está tamén a ausencia da figura humana, unha ausencia que é soamente aparente, pois en todo o que el pinta o home, que destrúe, que constrúe e que consume, atópase irremediablemente presente. A monocromía ocasionada polo uso de lapis acuarelables e barras de óleo fai que os seus debuxos se afasten dunha estética pop que doutro modo sería por veces innegable, tanto no seu uso da serigrafía como na recorrencia a esa estética de supermercado tan elocuente e tan demostrativa e as paisaxes estéticas da urbanidade contemporánea. Como sinalaba Carlos Bernárdez no seu artigo «A cidade global», publicado en El Faro de Vigo en 2007: «O caos urbano, a uniformización das nosas cidades é un dos signos do noso tempo e como tal é reflectida polo artista. En concreto, nestas obras a ausencia da representación humana está reforzada por localizacións que nos falan de hábitos e costumes de quen as habita, produtos destinados ás persoas que están atrapadas entre valados publicitarios, corredores centrais de grandes superficies, atascos ou un crecemento desordenado e especulativo».

O formalismo de Bosco conecta con intentos pasados de reproducir a paisaxe circundante, cunha ansia case impresionista por asir certos retrincos da realidade que constrúe o seu propio mundo. Nas súas últimas pezas resulta sumamente interesante a mestura de elementos propios do debuxo coas calidades da serigrafía, o recoñecemento da diversidade de formatos como capaces de servir de igual maneira á súa intención narrativa e á convivencia daqueles primeiros elementos modulares cun debuxo que parece querer liberarse por fin da retícula.

As últimas obras de Bosco Caride, as que puideron ser vistas nas galerías Trinta e PM8, así como as que agora se presentan nesta exposición, son mostras claras do que a pintura pode conseguir cando quen a realiza ten vocación de cronista e contador de historias aparentemente suspendidas dun espazo tempo recoñecible pero que case semella pertencer máis ao mundo do soño.