A cidade global
Carlos L. Bernárdez
Recordos da miña cidade é o título da mostra de Bosco Caride (Vigo 1963) que se puido contemplar desde o mes de abril, e que xa está a concluir, na galería PM8.
As Paisaxes urbanas da cidade de Vigo serven ao pintor para representar un universo que propende cara a homoxenización e no que a lembranza que dá título as obras pode confundirse coa de calquera cidade, tendo como mínimo común denominador non o que a singulariza, senón todo o contrario, o que a homoxeniza e confunde con calquera outra cidade do noso presente. Paixaxes urbanas viguesas que falan por si mesmas, lugares moi concretos pero ao mesmo tempo universais, metfóricos, cargados de esquemas repetitivos: logos, sinais, elementos que conviven connosco no noso percorrido pola cidade.
Para conseguir este efecto, o artista parte nas súas obras dunha fotografía que despois traslada ao lenzo. O argumento das obras redúcese á percepción dunha escena paisaxística urbana máis ou menos común, na que o verdadeiramente interesante é o proceso seguido polo pintor que sorprende o instante na súa momentaneidade fotográfica, escolle unha serie de elementos escénicos dentro dunha paisaxe estilizada –no sentido de convertida en estilo-, na que a cuadrícula e o modular xogan un papel determinante, reducíndoos a un xogo de liñas e planos logo do seu traslado ao lenzo, no que salienta son as calidades técnicas singulares.
Bosco Caride emprega pois estratexias achegadas ao apropiacionismo, aínda que neste caso o punto de partida son fotografías realizadas por el mesmo. O artista sitúase así no ronsel das reflexións sobre o feito pictórico na arte actual, que permiten percibir a pintura como obxecto dunha translación, xa que nela se poden enxergar procedementos que a sitúan nun tránsito, mesmo físico, cara a outros soportes e mundos visuais, un tránsito que tivo momentos de apoxeo no contexto da vangarda histórica.
A homoxenización e o local son outros dous termos complementares como eixos de reflexión do artista. Presenta os espazos sen seres humanos, mais a realidade natural delata até o extremo a pegada humana, de xeito que a realidade espacial di tanto ou máis da nosa actuación, do noso posicionamento, como a nosa representación física. O caos urbano, a uniformización das nosas ciudades é un dos signos do noso tempo e como tal e reflectido polo artista. En concreto, nestas obras a ausencia da representación humana está reforzada por localizacións que nos falan de hábitos e costumes de quen as habita, productos destinados ás persoas que están atrapadas entre valados publicitarios, corredores centrais de grandes superficies, atascos ou nun crecemento urbano desordenado e especulativo.
De todos os xeitos, Bosco Caride non parte dunha construcción e captación do espazo cunha finalidade manifestamente sociolóxica, arqueolóxica ou política, senón que, con toda intencionalidade, se limita a “representar”; o que acontece é que a obra permite a reflexión sobre aspectos do presente. Como moita arte actual, a finalidade é máis examinar que propor.
Bosco Caride conecta, pois, cunha longa tradición pictórica, e como moitos artistas do pasado utiliza estratexias como a reproducción da paisaxe ou a mudanza de escala –en base a planimetría fotográfica- nun intento de achegamento singular a unha realidade concreta. No clasicismo estas aproximacións servía para unha procura do absoluto, de xeito que o realmente existente servía de escusa para o ideal. Nas paisaxes urbanas de Bosco Caride a perspectiva é oposta, pois pretende captar unha pequeña camada da realidade, por medio dunha ollada dirixida e pormenorizada. Neste sentido a propia e evidente frialdade descritiva pode ser etendida como unha toma de posición.
Unha técnica singular.
Formalmente as obras están baseadas no uso de ritmos repetitivos. Trazos e estruturas abstractas que se combinan e medran para dar forma a paisaxes e elementos comúns fácilmente recoñecibeis. Estas estruturas forman enreixados, valados, contedores que nos atrapan e nos mergullan nun bucle constante que define a nosa existencia contemporánea.
Tecnicamente estas obras amosan o desenvolvemento dun proceso pictórico persoal. O emprego de lapis acuarelábel sobre papel levou o pintor á necesidade de traducilo nun formato maior, conducíndoo á creación de barras artesanais de óleo, que logo dun longo tempo de secado, adquire a ductilidade e o aspecto dunha bóla de plastilina, que ao contacto coa tea, dunha preparación extremadamente luída, permite crear masas, liñas ou semitons. A distancia o cadro aparenta unha fotografía, o revelado dunha emulsión sobre tea, mais ao achegármonos vai perdendo ese aspecto de foto e vanse descubrindo os trazos que constitúen e estructuran a imaxe do cadro que trasladan a sensación de debuxo ao óleo, dotando as obras dunhas calidades de enorme singularidade.