O primeiro que vin era real
Anxos Sumai
Pero nin sequera eran paus de obra que termaban do edificio en construción. O que primeiro que vin, dende lonxe e na pantalla do meu ordenador, era un bosque de troncos amarelos, fráxiles, que medraban na procura da luz. E con todo, non medraban: esperaban pacientes o que lles caería enriba, o peso inaudito que os horizontalizaría e os convertería en lombos de carga unha vez levantado o edificio. Evidentemente, non era un bosque. Nin tampouco era real. Ou si. Pregunteime se o autor me mentía deliberadamente, ou se me seducía coa confusión, coa ambigüidade do espazo desprazado dun contexto a outro. Onde estaba antes ese bosque de paus amarelos polo que se filtraba a perspectiva da vida ao lonxe? Que había no novo lugar antes de que esa imaxe horizontal e tan poderosa como para soster a nosa intriga —e as placas de cemento que se lle acomodarían enriba— aparecese alí? Non o sei, imaxínoo.
Podo imaxinar calquera cousa, eu tamén podo ser quen de eclipsar a realidade coa aparencia cando escribo. A iso xogamos, ese é o punto de partida das arquitecturas que creamos para que sexan habitadas, porque son espazos concibidos para a acción, para o desenvolvemento da vida. Para que o espectador, ou o lector, constrúa a vida a partir dese escenario que propoñemos. Que importa que sexa real ou non? O que conta é a fertilidade da confusión, a creatividade que suxire o ambiguo e o sometemento á escenografía da maleable imaxinación humana. Daquela, o primeiro que vin era real aínda que só fose unha ilusión óptica, un delicado engado para os meus ollos, unha mentira intencionada e estática que comezou a fluír, a facerse real, cando volvín poñerlle o ollo enriba por segunda, terceira, por cuarta vez. E medrou. A realidade móvese, evoluciona de seu. A ficción permanece estática porque precisa das nosas miradas para avanzar, para desprazarse. A ficción está paralizada e precisa de nós. Depende de nós. Nós somos o sopro divino que fai que o inanimado se convirta en ser vivo e camiñe. E berre cando o óso atravese a carne ou cando o beixo derreta os ósos.
O estático volveuse fluído con cada nova mirada e vin cousas que non dexergara antes. Vin as vivendas que se construirían enriba habitadas por homes e mulleres, por anciáns e nenos. Recreei vidas e o tempo pasou sobre esas vidas ao ritmo que eu lle marquei. Porque eu son un reloxo e digo: agora pasa un minuto e ese home parará no ascensor a falar cunha veciña. Agora é verán e esa nena descalzarase e pousará a planta dos pés nas baldosas e sentirá o alivio da friaxe. Pasará unha estación e escoitarei os ruídos xordos das calefacción ao poñerse en marcha. Pasará a morte e alguén se agarrará aos paus amarelos que foron a miña primeira visión, aos paus de obra dos que naceu todo un universo de galaxias coma grans de area. Porque o espazo, o xogo do espazo desprazado, ten que ver tamén co noso corpo, coa forma dos nosos cóbados e a maneira en que forzan e acamban os ferros na procura do seu territorio. Coa maneira en que o noso nariz asoma na perspectiva fuxidía e se fai presente e teimosa no desexo de furar a arquitectura estática. Na necesidade primaria que temos de respirar dentro da arquitectura real ou inventada. Dentro do xogo da ficción e tamén na pura supervivencia da realidade. De non ser así, se non podemos nin sequera respirar, acontece a morte. A morte por asfixia, a morte por ter un cerebro incapaz de asumir o movemento, a evolución e a mentira creadora.
O estático, o ficticio flúe porque imaxinamos, pero tamén flúe porque noso corpo habita o espazo co movemento do aire que respiramos ou co aceno dun sorriso. Damos coteladas, os nosos pés móvense, os xeonllos queren ferir a quen nos ataca. O espazo real atácanos, o espazo simulado desconcértanos e os nosos xeonllos non fican quietos porque a ameaza xorde da provocación, da incertidume, de non saber exactamente o que somos porque cada vez intuímonos máis manipulables, máis maleables, dentro das arquitecturas falsas ou reais. Nos escenarios que tenden a tragarnos, nos valos publicitarios que nos din o que temos que facer cada día sentímonos máis desconcertados e preguntámonos que é o que somos. Que é o que temos na cabeza para aturar o peso enorme da vida e seguir adiante impávidos? Que é o que non vemos asomando dende o fondo da perspectiva que se abre entre os paus amarelos? Pregúntome se somos tan parvos que non podemos distinguir entre o real e o ficticio, entre o estático e o que se move, pero marabíllome cando o meu cerebro non queda na primeira ollada e é capaz de ver bosques e árbores amarelas, auganeiras irisadas e escarvantes no solpor.
A primeira mirada: o ollo paralítico do ser inútil
E aquí fago unha parada, un paréntese, un espazo neutro namentres espero un autobús nunha gran cidade, para evocar a Bosco no alto dunha escaleira traballando nun valo publicitario e vexo, abraiada, como o valo o come. Como a mensaxe que el mesmo pretende transmitirnos ocupa o corpo de Bosco subido a unha escaleira. Daquela tremo, un estremecemento percórreme e podo oír o vento arrincándolle música aos paus amarelos. Non é a vida, nin sequera é o tacto porque se os tocas —se tocas a frixase dos ferros amarelos— sentirás a cambra do xogo da mentira. Agora é o son, son as voces a romper a perspectiva perfecta pola que entra o futuro, o imaxinado, o que flúe. É o son e o son, de súpeto, posúe a voz e eu pecho os ollos. Se pecho os ollos —pampa de min— creo que podo ver mellor. Ver mellor, ver máis. Pero o único que me acontece é que sinto máis e estou máis alerta. Como un camaleón, unha auganeira, como a caluga que agarda o disparo dun mercenario. Pecho os ollos e o tempo amoréaseme nunha catástrofe cósmica: vexo o pasado, o presente e o futuro e véxoo todo fluíndo a través dos espazos de luz que separan os paus amarelos.
A segunda mirada: a retina treme e dá un paso
O desconcerto é fillo da intelixencia. Non hai paradas neste caso, senón unha imaxe allea a Bosco que tamén podería ser súa: eu nunha cidade remota e sobre a beirarrúa un corpo azul, verde, violeta. Un corpo irisado, abandonado entre as pisadas dos transeúntes. Fotografíoo, fágoo meu, reanímoo para un relato. Alguén se achega e dime: é unha medusa. Só é unha medusa auganeira augamar inchada e seca na rúa. O mar estaba preto e furioso: escupiu medusas e eu —allea a ese lugar— non sabía que o mar cuspía seres líquidos cando estaba tan enfadado. Entristecín: na miña imaxinación aquel ser irisado era outra cousa e a voz que o nomeou negoume toda posibilidade de erguer unha nova galaxia en torno a un corpo estraño, certo e pero inconcreto. A ficción foime negada, aconteceu o límite, a arquitectura foi delimitada por voces alleas á miña capacidade de crear. Alguén lle puxo nome e delimitou os infinitos límites do desconcerto. O fermoso sería ao revés: que ninguén me falase antes e que todos falasen despois da miña imaxe. Xusto cando a retina comeza a tremer.
A terceira mirada: restos de comida entre os dentes
Os paus amarelos lémbranme os escarvadentes. Teñen unha forma semellante, abombada no estómago, delgada nos pés e na cabeza. Os dentes amarelos parecen atrapados por unha ortodoncia de chumbo. Agora vexo os límites: os paus verticais e estritos como mandalas e mandamento cristiáns. Ríxidos. Autoafirmativos: son eu, eu son o pau. Soporto sobre a miña cabeza toda a existencia humana, a xénese, a vida cotía e o apocalipse, igual que a miña nai cargou nas cervicais a miña infancia e o meu futuro. Se non es capaz de ver o peso que descansa sobre ti, tes un problema. Mira o solpor coa mesma tranquilidade con que arrincas un refugallo de comida atrapado entre os dentes. Mira o horizonte e pensa que é o que sostén o fulgurante —e tan fráxil— edificio da túa vida. Vai caer porque a túa percepción da realidade sexa distinta á percepción da realidade do teu veciño? Onde está a garantía da vida sólida, a garantía da fluidez das accións humanas? Se o pensas, todo é mentira para ti, porque a túa verdade non ten nada que ver coa verdade dos demais.
A cuarta mirada: o chan gris entristécenos
Porque o chan gris devólvenos á realidade de cemento armado. Ancóranos na vida, ponos os pés no chan. Iso é precisamente o que Bosco nos nega. Dubidamos da realidade, invocamos a respiración, comemos e agora cambaleamos. Ah! Chega o momento, ese estraño momento en que intentamos ser concretos e o cemento gris comeza a comernos polos pés. Cómprenos parar e pensar se a impostura da imaxe, se a trampa para os ollos da arquitectura fictica é un anzó que nos arrinca da auga e nos fai morrer de falta de aire. E, de morrermos, estou certa de que entre os paus abrirase camiño só para nós un requiem magnífico. As flores fúnebres e o viño carmesí que algún bebemos rebentarán o amarelo e o gris e teremos un fermoso funeral. Pero Bosco non quere que aconteza iso. Bosco quere outra cousa, quere unha quinta, unha sexta, una enésima mirada.
O quizais só queira a primeira. A do desconcerto, a intriga e a dúbida. A mirada da primeira pregunta: o que vin era real?
Anxos Sumai 2 de marzo de 2009